A mellor luz da miña vida

Facerlle caso o sol carecía de sentido, era moito mais práctico seguir a choiva. Se chovía, metíaste na tenda e durmías. Cando deixaba de chover, saias. O reloxo biolóxico facía un par de dias que deixara de funcionar correctamente e os sentimentos de fame e sono eran unha mera consecuencia da choiva ou de que alguén conseguira pescar algo.

Estamos a mediados de Xuño a 340km o norte do circulo polar en medio da Laponia finesa. Fai dous dias Janne enfilou a súa avioneta neste estreito lago, o suficientemente longo para que un experimentado piloto coma el coloque suavemente os flotadores da “OH-MAB” sobre a superficie especular, pero o suficiente curto para que as miñas pulsacións aumentasen considerablemente. Janne tiña entón 29 anos e leva dende os 17 pilotando. Ten aterrado e despegado sobre asfalto, terra, xeo, neve e auga e foi xustamente nestas latitudes onde aprendeu a manexar os flotadores, moi útiles nunha zona na que é mais fácil atopar auga que terra.

A idea principal era pescar. Eu recoñezo que nunca fun un apaixoado da pesca, pero a idea de facer 1000km en avioneta sobrevoando toda Finlandia pareceu o suficientemente atractiva. Ademais coincidiu que eu tiña que estar en Sodankyla unha semá mais tarde para cubrir o Midnigth Sun Film Festival con Kaisa, e casualmente Sodankyla esta a uns 100km o norte do circulo polar. Uns dias antes do solsticio de verán se organiza alí un moi peculiar festival de cine. Digo que é peculiar por que é a antítese do glamuroso festival de cine, informal é acolledor, onde as estrelas invitadas fan cola no pequeno supermercado dista pequena vila xunto cos entusiasmados nativos, a prensa e os asistentes que acampan nos arredores do instituto. E especial tamén por que o único cine dista localidade non chega para proxectar todas as películas que se presentan, así que o ximnasio do colexio e mais unha enorme e vella carpa de circo, chea de remaches e rotos polos que se filtra o sol que acompaña a 24h do dia, serven como improvisadas salas de cine.

Así que alí estaba eu, na que probablemente sexa a maior superficie deshabitada de Europa, cunha caña de pescar, un equipo completo de foto e portátil, fritindo en manteiga as troitas que Becke e mais Janne pescaran e pensando que se algunha vez tivese que pensar cal foi o momento mais tranquilo da miña vida probablemente sexa este. A desaparición total do concepto de dia, a lonxanía do mundo, e a relaxada e amigable compañía destes dous fineses, que acaban de chegar a conclusión que poder estar a 100km do primeira sinal de vida humana bebendo unha cervexa e escoitando na radio un programa sobre documentais independentes é sinónimo de servizo público, sumíate nun estado de relaxación que te facía pensar que aquelo, indiscutiblemente, tiña que ser virtual.

E a luz o era. Acabábamos de chegar de un avión alemán que fora derribado na segunda guerra mundial por un piloto ruso. Eran xusto as 12 da noite cando despegamos dun lago pegado a fronteira con Noruega de volta o noso campamento. Xa que as nosas tendas estaban situadas nunha pequena vaguada non foi ata ese momento que vin, realmente o sol de media noite. En menos de media hora xa estabamos de volta na pequena praia onde tiñamos o improvisado aparcamento da nosa avioneta. Becke decidiu que era un momento perfecto pra ires a pescar e antes de que Janne e mais eu acabásemos de atala avioneta xa baixaba a praia con caña e botas altas. Nolos-dous quedamos un rato sentados na beira gozando do momento. Os dous tiñamos as nosa cámaras e iamos sacando fotos xogando co reflexo do ceo sobre o lago. O derroche de tons e cores se multiplicaba por dous. Nun momento Janne, cunha expresión que denotaba a alegría que sentía, díxome que era a luz mais bonita que vira na súa vida. Asistín e seguín facendo fotos.

Uns cantos dias mais tarde descubrín que, por primeira vez, perdera toda a información dunha tarxeta de memoria. Todas as fotos do avión alemán, as do meu primeiro sol de media noite, e as da avioneta e Becke sobre o lago, desapareceran cun formateo insensato. Un pequeno falle meu fixo que todas esas imaxes, e esa “luz mais fermosa da miña vida” non puidese salvarse. Solo conseguín rescatar un par de imaxes que agora axudan a miña cabeza a non esquecer ese momento. Esta é unha delas.